Torre de Amarante

jueves, 21 de marzo de 2013

A oposición ao completo abandona o pleno de Antas tras a convocatoria “ilegal” realizada polo alcalde

Xa presentamos unha queixa por escrito diante do Valedor do Pobo, e estamos pendentes do informe da Secretaría municipal

O grupo socialista de Antas e os nacionalistas abandonamos esta mañá o pleno de Antas de Ulla pola convocatoria “ilegal” realizada polo alcalde, o popular Javier Varela, que adiantou a data unha semana sen avisar cos dous días hábiles de antelación que marca a normativa. A situación é “aínda máis grave” porque no pleno se debatían temas “de moita relevancia para o municipio”, como a aprobación definitiva das contas de 2011, a aprobación inicial dos orzamentos municipais de 2013 ou a modificación dos estatutos e os membros do consello de administración da polémica empresa municipal Épica. Os membros da oposición critican que o goberno local non lles deu tempo para poder comprobar a documentación. “De novo o goberno do PP xoga coa falta de información e o escurantismo para facer e desfacer ao seu xeito, sen o mínimo sentido democrático, o que á súa vez é unha falta de respecto aos veciños e veciñas de Antas".

Presentamos antes do pleno a posibilidade de invalidar a convocatoria e volver a realizala ou o aprazamento e retirada dalgúns puntos. O alcalde negouse, e argumentou que os iban aprobar igual por ter a maioría absoluta, “nunha mostra do tipo de política déspota que fai o PP”. O rexedor propuxo, pola súa banda, seguir co pleno e incluir estes puntos no futuro para debatelos. “Quere que debatamos algo despois de estar xa votado e aprobado en pleno cunha convocatoria que el sacou da manga dun día para outro, cando o que hai que arranxar é que nos dean a posibilidade de coñecer os documentos para poder votar dun xeito coherente".

A oposición presentou unha queixa por escrito diante do Valedor do Pobo. Ademais, antes do pleno, O PSdeG envioulle un escrito ao alcalde que foi ignorado, e outro á Secretaría municipal para emitir un informe sobre a convocatoria do pleno, que están pendentes de recibir.