Torre de Amarante

lunes, 27 de mayo de 2013

O PSdeG de Antas esixirá de novo no pleno as melloras e o aforro no alumeado tras os continuos apagóns no Concello

Dende o PSdeG de Antas insistiremos no próximo pleno municipal en esixir “unha solución de
inmediato” para os continuos apagóns que sufre o Concello, despois de que fai un par de semanas un novo fallo no alumeado público deixara sen luz unha boa parte do casco urbano e estes problemas se repitan de xeito periódico en aldeas como Castro de Amarante. “Isto é un
desastre de xestión, polo que pediremos que dunha vez arranxen esta situación insostible
que fai parecer que en Antas por momentos, vivimos no século pasado”, os socialistas levamos xa cinco anos reclamando melloras nas instalacións.

O último apagón do alumeado público afectou a zonas céntricas como o colexio, o cuartel ou
a carretera de Santa Mariña. “Isto repítese con frecuencia no casco urbano, con casos
graves como a última Festa da Xuventude, con repercusións económicas para a hostalería ou
un maior risco de accidentes pola acumulación de xente, sen falar da imaxe que damos ante
as persoas que nos visitan”, critican os socialistas, que destacan “o risco tamén nas aldeas, con carreteras con moito tráfico e escasa visibilidade e con casas nos marxes da calzada”.

Os socialistas vimos reclamando desde hai cinco anos que se fagan reformas no alumeado público con dous fins: por unha banda mellorar as instalacións, “nas que hai cadros públicos abertos e incluso sen tapa, e hai aldeas nas que ata hai pouco tempo os veciños encendían e apagaban o alumeado público”, e por outro lado diminuír cun plan de aforro “os elevadísmos consumos eléctricos que disparan as facturas”.


Despilfarro enerxético e falta de transparencia
Lembramos que o Concello de Antas rexeitou sumarse ao plan da Deputación
provincial para realizar auditorías enerxéticas que suporía un 20% de aforro nas facturas da
luz, e que na liquidación de 2011, o Concello presentou facturas para o mantemento do
alumeado por importe de 25.000 euros entre materiais e man de obra contratada cun
terceiro, “cando o Concello conta con man de obra cualificada para estas tarefas, tal e como
se fixo sempre ata ese ano”. Isto constitúe “un gasto innecesario e inexplicable, a non ser
que teña fins electoralistas”, critica a socialista, que incide en que estas facturas e
documentos “non especifican en ningún caso a finalidade e o destino do gasto”, tal e como
fixemos constar nas alegacións presentadas ás contas municipais.

miércoles, 15 de mayo de 2013

O PSdeG de Antas presentará propostas para reducir custos na Feira do Queixo e na Festa dos Maiores


Os socialistas rexistraremos na alcaldía medidas para “aforrar e aumentar a transparencia da contratación” en dúas celebracións “moi importantes para a promoción do Concello e positivas a nivel social e económico”

O PSdeG de Antas anuncia que rexistrará varias propostas na alcaldía do Concello para “reducir custos e aumentar a transparencia da contratación” na Feira do Queixo e na Festa dos Maiores, dúas celebracións “moi importantes para a promoción do Concello e positivas a nivel social e económico” pero que “poden mellorar no referente á súa xestión económica”.

Así, no caso da Festa dos Maiores, os socialistas reclamamos que o Concello pida orzamento a tres empresas distintas para cada unha das contratacións (regalos, comida...) para “que o proceso sexa transparente, obter o mellor custo posible e evitar contratos a dedo”. No referente á Feira do Queixo, que é unha celebración rotatoria entre Antas, Palas e Monterroso que este ano acolle Antas, desde o PSdeG pedimos que haxa unha “redución de gastos na comida oficial” e que en lugar de invertir en carpas individuais para cada posto, o Concello aproveite a praza cuberta que hai no municipio “e na que se gastou unha importante cantidade de cartos” para facer a celebración dentro e nas rúas de arredor cunha única carpa máis grande e menos custosa que as individuais.

“A Feira do Queixo é un importante impulso para os produtos da zona, e a Festa dos Maiores supón unha xornada de encontro para que gocen os veciños e veciñas de máis idade, polo que deben potenciarse pero á vez realizar unha xestión responsable dos cartos públicos”, afirma a voceira socialista, Pilar García Porto, que lembra asimesmo a “opacidade nos orzamentos municipais para coñecer os gastos destas celebracións”.

Supresión do Primavera Sons e apoio a colectivos sociais do municipio
Por outra banda, desde o PSdeG reclamamos a supresión do Festival Primavera Sons, que organizou o Concello en 2011 e que supuxo un gasto de 12.000 euros cunha afluencia practicamente nula. Os socialistas reclamamos que estes cartos “sexan destinados a apoiar as actividades doutros colectivos sociais do municipio”, como a Festa da Xuventude ou o festival da Asociación Cultural Fiadeira, así como a banda de música, que conta cunha escola municipal, ou a coral polifónica. “Apostamos por apoiar e potenciar o que xa temos, para que non se perda, e non gastar noutros inventos”, afirma García Porto.

O PSdeG de Antas denuncia que o Concello incumpre a lei de protección de animais tras a morte dun can extraviado


Os socialistas esixiremos no pleno que o goberno local cumpra a normativa autonómica e asine un convenio cunha protectora ou ben constrúa unhas instalacións adecuadas, e lamentan “a desidia e falta de responsabilidade do equipo de goberno” tras recibir a alerta veciñal, “algo que xa pasou máis veces”

Dende o PSdeG de Antas denunciamos que o Concello incumpre a lei da Xunta de Galicia para a protección dos animais, despois de comprobar que “non ten un convenio asinado coa Sociedade Protectora de Animais e Prantas de Lugo nin tampouco conta con instalacións propias para atender e albergar animais e dar resposta a estes problemas no término municipal, tal e como esixe a normativa autonómica”. Os socialistas levaremos este asunto ao próximo pleno tras realizar estas comprobacións, despois de que os responsables locais non responderan á alerta veciñal polo estado dun can extraviado con collar que finalmente morreu “pola desidia e falta de responsabilidade do equipo de goberno”.

Os socialistas apuntamos que a pasada semana, un veciño de Antas atopou un can ferido que non era capaz de moverse nun terreo próximo á aldea de Vilaboa, xunto a unha propiedade municipal na que está ubicada a fosa de decantación dos residuos urbanos. “Este veciño avisou á Garda Civil, que lle indicou que o responsable nestes casos é o Concello. Nese momento puxo este feito en coñecemento do tenente de alcalde, pero ao día seguinte comprobou que non fixeran nada e o can estaba morto. Non estaba abandoado, porque tiña collar”, explica a nosa voceira, Pilar García Porto.

“Como era fin de semana e o Concello estaba pechado, ese día avisou de novo por teléfono, e ao non presentarse ninguén, púxose en contacto coas autoridades do SEPRONA, que lle explicaron de novo que a responsabilidade era do Concello”, di a socialista. García Porto explica que ante estas situacións os concellos poden actuar de dúas meneiras para cumprir coa lei: “Ou ben asinando un convenio cunha protectora de animales para que actúe ante un caso así, ou cun lugar acondicionado para albergar estes animais e atendelos”, algo que no caso de Antas non sucede.

No próximo pleno, os socialistas presentarán unha iniciativa para que “o Concello rubrique un convenio coa sociedade protectora ou con outro terceiro, ou ben para que se constrúan os espazos necesarios para coidar os animais abandonados ou extraviados” no municipio. “En épocas de caza ou próximas é frecuente atopar cans desorientasdos polas rúas ou cunetas”, lembran os socialistas, que lamentan que “non é a primeira vez que algo así se pon en coñecemento do Concello”, e destacan que “para os veciños supón unha responsabilidade e un risco atender un animal sen dono”. Desde o PSdeG indican tamén que “moitas veces os propios propietarios non atopan os animais que se extravían porque non teñen un lugar concreto de referencias para recollelos, e caban sucedendo estas cousas”.