Torre de Amarante

lunes, 27 de octubre de 2014

O PSOE de Antas de Ulla demostra a “falla de ética e de transparencia” nas contratacións municipais, coas que o alcalde favorece a familiares e a persoas afíns ao PP

Na Conta Xeral de 2013 pódese comprobar na documentación que a forma, facturas que suman 37.500 euros, que non son o suficientemente claras, e que ademáis benefician ao cuñado do alcalde, por unha asistencia xurídica que a entidade local podería recibir gratis da Deputacion, e ao marido da edil liberada polo PP ademáis doutras persoas relacionadas con excargos do concello.

Como exemplo “da nula xestión económica”, destacan os gastos derivados da Feira do Queixo  que suman 47.876€, e dos que 3.146 se corresponden con comidas (143 comidas a 22€), ademais doutros 1.718,20 en concepto de catering

A pésima xestión económica levada a cabo dende que Javier Varela é alcalde, póñeno de manifesto os datos oficiais do Ministerio de Facenda. Antas de Ulla é o concello máis endebedado da contorna; cuestión que non se aprecia nas contas públicas porque o rexedor sempre infla o orzamento en máis de tres millóns de euros en base a unha publicación no BOP para a residencia de maiores e a traída municipal

ANTAS DE ULLA, 20 DE OUTUBRO DE 2014.-  Os socialistas de Antas de Ulla demostraron que a Conta Xeral de 2013 amosa claramente a “absoluta falla de ética e de transparencia nas contratacións que fai o alcalde, así como o amiguismo e a nula xestión económica do Goberno local”. O grupo municipal do PSOE deste municipio fixo estas valoracións logo de examinar minuciosamente o documento contable e de comprobar que a documentación das facturas que a forman non é o suficientemente clara, e só cando se trata de pagamentos que corresponden a outras administracións, xeralmente á Xunta de Galicia, a través de subvencións, a descripción si que está realizada con detalle e se pode saber o destino. De non ser así, asegura Pilar García Porto, resulta imposible deducir onde se realiza a inversión.

En total, as facturas incluídas nesta situación suman un importe que se aproxima aos 37.500€ coa única explicación de que son obras e/ou reparacións viarias. Por este motivo, García Porto sospeita que a intención do rexedor “é ocultar o destino”, pois hai que ter en conta que nalgunhas ocasións se fala de cantidades considerables, que benefician a familiares e a persoas afíns ao Partido Popular deste municipio.

“Amiguismo e favoritismo”
A falla de transparencia, pero tamén o “amiguismo e favoritismo” que rexe este proceso, tamén se observa, explica a socialista, nas contratacións dos seguros dos vehículos municipais, pois estas fanse cun tomador que resulta ser o marido da actual concelleira liberada do PP, Doris Sobrado, e que suman 3.542€. “O grave, subliña, xa non é so a cantidade, senón que o tomador resulta ser él. Ademais,o alcalde paga a un cuñado seu, que é avogado de profesión, o importe de 2.662€ en concepto de minuta honorarios procedemento abreviado 219/12”. Para os socialistas trátase dun custo “elevadísimo”, pois o Concello pode ter totalmente gratis asistencia xurídica da Deputación de Lugo. Isto pon de manifesto que o PP “pon a alcaldía ó servizo de intereses de amizade, en lugar de procurar as mellores prestacións para os veciños, pois o correcto sería sacar estes contratos a concurso en aras da transparencia, a igualdade de oportunidades e mellor xestión, en lugar da contratación a dedo”.

“Nula xestión económica”
Como exemplo “da nula xestión económica” son os gastos derivados da Feira do Queixo  que suman 47.876€, e dos que 3.146 se corresponden con comidas (143 comidas a 22€), ademais doutros 1.718,20 en concepto de catering. Por outra banda, os gastos de publicidade de dito evento gastronómico suman 19.737,08€. “É un festexo importante pero o gasto é a todas luces esaxerado, e nós xa plantexaramos propostas para que se reducirá”, apunta a socialista.


Asimesmo, a entidade local pagoulle a Fenosa por pagos pendentes do último trimetre do 2011 e o primeiro do 2012 33.297,67€, ademais de tres prazos do convenio asinado con eles para solventar a débeda contraída (por impagos de anos anteriores), e que suman 32.002,93€. O último que cabe lembrar como exemplo da pésima xestión económica levada a cabo dende que Javier Varela é alcalde, subraia García Porto, póñeno de manifesto os datos oficiais do Ministerio de Facenda. Antas de Ulla é o concello máis endebedado da contorna, pero, claro, isto non se aprecia nas cifras que presenta a entidade local porque sempre infla o orzamento en máis de tres millóns de euros en base a unha publicación no BOP para a residencia de maiores e a traída municipal, conclúe a socialista.

martes, 15 de julio de 2014

O PSOE de Antas denuncia que, coa aprobación dunha operación de crédito de 400.000 euros, o concello aumenta a súa débeda ata superar o 1,7 millón de euros

Os socialistas abstivéronse na votación, e fixérono non porque estean en contra de que se realicen investimentos, senón pola “forma en que gobernan o alcalde e os seus edís, pois o único que están a conseguir é hipotecar as arcas públicas, realizando obras faraónicas mentras existen núcleos sen unha rede de abastecemento axeitada e accesos intransitables”

“Con este facer do PP, non só nos situamos como o concello da comarca máis endebedado, senón que incluso duplicamos o débeda con respecto, por exemplo, a Monterroso; municipio que tan só conta cun descuberto de 746.000 euros. E, ademais, resulta que toda a nosa débeda provén do impago de facturas. Así xestiona de ben o noso alcalde os cartos de todos”, ironizan

Consideran que a aprobación de dita operación de crédito é “un insulto aos veciños”, pois o 80% do Orzamento corresponde aos capítulos de Persoal e de Gastos Correntes, e para inversión a entidade local só presupostou 60.000 euros

Dado que a xestión do Goberno local adolece “de eficacia e de transparencia”, o grupo do PSOE solicitou que o concello priorice na súa xestión sendos plans de aforro e de obras e servizos, de tal xeito que os cidadáns sexan informados dos mesmos debidamente

ANTAS DE ULLA, 14 DE XULLO DE 2014.- Os socialistas de Antas de Ulla denuncian que o concello aumente a súa débeda pública en 400.000 euros, logo de que o Goberno local aprobase este luns, en sesión plenaria, unha operación de crédito por dito importe que, supostamente, está dirixida á execución dun campo de fútbol de herba artificial e a outras actuacións sen concretar.

Ante o que califican como “xestión nefasta”, o grupo municipal socialista abstívose na votación, e fíxoo non porque estean en contra de que se realicen investimentos no municipio, senón pola “forma en que gobernan o alcalde e os seus edís, pois o único que están a conseguir é hipotecar as arcas públicas, ao limitarse a realizar obras faraónicas coma esta ou como a adquisición de Barbalde (300.000 euros), o complexo castrexo das Canteiras (máis de 400.000 euros), e o horto ecolóxico de Fábregas (máis de 600.000 euros); todas elas, por certo, en completo estado de abandono e desuso”, subliñan.

Asimesmo, tal e como explica a voceira do PSOE –Pilar García Porto- outra das razóns que motivaron a abstención do seu Partido é a “falla de transparencia e claridade” das solicitudes realizadas previamente polo rexedor ao fin co que vai destinada esta operación de crédito. Concremente, o goberno local pediu a colaboración da área de Deportes da Deputación para financiar estas instalacións e unha axuda ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para obras adicionais por valor duns 50.000 euros.

No primeiro do casos, a entidade local solicitou o apoio do organismo provincial sen precisar nin concretar os requisitos económicos que xustifican dita actuación; “algo que é inaudito, pois en ningún caso se viu que se recurra a unha institución para pedir unha axuda sen precisar a contía nin o concepto para a que se solicita…”, critica a socialista. E, polo que respecta á subvención europea, o FEDER “aínda non se pronunciou ao respecto, nin confirmando nin denegando a axudas. E, todo iso, a pesares de que xa estamos afeitos á superposición de obras que primeiro son unha cousa e logo outra, e que se financian primeiro dentro dun plan, e logo resulta que se meten noutro, para quedar finalmente abandonadas como as que xa citamos anteriormente”, afirma Porto.

Con este “pouco rigor na xestión”, asegura a voceira do PSOE, “o alcalde o único que logra é seguir engordando a débeda do concello”, e que, segundo se pode comprobar no Ministerio de Facenda, xa ascende a 1.314.000 euros. “Se de algo podemos presumir en Antas de Ulla é de non ser ben pagadores. Con este facer do Partido Popular non só nos situamos como o concello da comarca máis endebedado, senón que incluso duplicamos o débeda con respecto, por exemplo, a Monterroso; municipio que tan só conta cun descuberto de 746.000 euros. E, ademais, resulta que somos debedores cos proveedores. Toda a nosa débeda provén do impago de facturas. Así xestiona de ben o noso alcalde os cartos de todos….”, ironiza a socialista.

O 80% do Orzamento para Persoal e Gastos Correntes
Para o grupo municipal do PSOE, que o PP aprobe nestes momentos dita operación de crédito é “un insulto aos veciños”, pois “temos que ter en conta que o 80% do Orzamento de 2014 corresponde aos capítulos de Persoal e de Gastos Correntes e que o equipo de goberno tan só presupostou 60.000 euros para inversión”. Por este motivo, e dado que a xestión municipal adolece “de eficacia e de transparencia”, os socialistas solicitaron que o concello priorice na súa xestión sendos plans de aforro e de obras e servizos, de tal xeito que os veciños sexan informados dos mesmos debidamente.



No apartado de Rogos e Preguntas da Orde do Día tamén pediron ao alcalde que cumpra os tempos establecidos no Regulamento Orgánico para a celebración das sesión plenarias, xa que o Pleno deste mes debería de terse celebrado en xuño, así como o mantemento e acondicionamento de espazos públicos como a zonas de Barbalde e das Canteiras, ou o horto ecolóxico de Fábregas.