Torre de Amarante

martes, 15 de julio de 2014

O PSOE de Antas denuncia que, coa aprobación dunha operación de crédito de 400.000 euros, o concello aumenta a súa débeda ata superar o 1,7 millón de euros

Os socialistas abstivéronse na votación, e fixérono non porque estean en contra de que se realicen investimentos, senón pola “forma en que gobernan o alcalde e os seus edís, pois o único que están a conseguir é hipotecar as arcas públicas, realizando obras faraónicas mentras existen núcleos sen unha rede de abastecemento axeitada e accesos intransitables”

“Con este facer do PP, non só nos situamos como o concello da comarca máis endebedado, senón que incluso duplicamos o débeda con respecto, por exemplo, a Monterroso; municipio que tan só conta cun descuberto de 746.000 euros. E, ademais, resulta que toda a nosa débeda provén do impago de facturas. Así xestiona de ben o noso alcalde os cartos de todos”, ironizan

Consideran que a aprobación de dita operación de crédito é “un insulto aos veciños”, pois o 80% do Orzamento corresponde aos capítulos de Persoal e de Gastos Correntes, e para inversión a entidade local só presupostou 60.000 euros

Dado que a xestión do Goberno local adolece “de eficacia e de transparencia”, o grupo do PSOE solicitou que o concello priorice na súa xestión sendos plans de aforro e de obras e servizos, de tal xeito que os cidadáns sexan informados dos mesmos debidamente

ANTAS DE ULLA, 14 DE XULLO DE 2014.- Os socialistas de Antas de Ulla denuncian que o concello aumente a súa débeda pública en 400.000 euros, logo de que o Goberno local aprobase este luns, en sesión plenaria, unha operación de crédito por dito importe que, supostamente, está dirixida á execución dun campo de fútbol de herba artificial e a outras actuacións sen concretar.

Ante o que califican como “xestión nefasta”, o grupo municipal socialista abstívose na votación, e fíxoo non porque estean en contra de que se realicen investimentos no municipio, senón pola “forma en que gobernan o alcalde e os seus edís, pois o único que están a conseguir é hipotecar as arcas públicas, ao limitarse a realizar obras faraónicas coma esta ou como a adquisición de Barbalde (300.000 euros), o complexo castrexo das Canteiras (máis de 400.000 euros), e o horto ecolóxico de Fábregas (máis de 600.000 euros); todas elas, por certo, en completo estado de abandono e desuso”, subliñan.

Asimesmo, tal e como explica a voceira do PSOE –Pilar García Porto- outra das razóns que motivaron a abstención do seu Partido é a “falla de transparencia e claridade” das solicitudes realizadas previamente polo rexedor ao fin co que vai destinada esta operación de crédito. Concremente, o goberno local pediu a colaboración da área de Deportes da Deputación para financiar estas instalacións e unha axuda ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para obras adicionais por valor duns 50.000 euros.

No primeiro do casos, a entidade local solicitou o apoio do organismo provincial sen precisar nin concretar os requisitos económicos que xustifican dita actuación; “algo que é inaudito, pois en ningún caso se viu que se recurra a unha institución para pedir unha axuda sen precisar a contía nin o concepto para a que se solicita…”, critica a socialista. E, polo que respecta á subvención europea, o FEDER “aínda non se pronunciou ao respecto, nin confirmando nin denegando a axudas. E, todo iso, a pesares de que xa estamos afeitos á superposición de obras que primeiro son unha cousa e logo outra, e que se financian primeiro dentro dun plan, e logo resulta que se meten noutro, para quedar finalmente abandonadas como as que xa citamos anteriormente”, afirma Porto.

Con este “pouco rigor na xestión”, asegura a voceira do PSOE, “o alcalde o único que logra é seguir engordando a débeda do concello”, e que, segundo se pode comprobar no Ministerio de Facenda, xa ascende a 1.314.000 euros. “Se de algo podemos presumir en Antas de Ulla é de non ser ben pagadores. Con este facer do Partido Popular non só nos situamos como o concello da comarca máis endebedado, senón que incluso duplicamos o débeda con respecto, por exemplo, a Monterroso; municipio que tan só conta cun descuberto de 746.000 euros. E, ademais, resulta que somos debedores cos proveedores. Toda a nosa débeda provén do impago de facturas. Así xestiona de ben o noso alcalde os cartos de todos….”, ironiza a socialista.

O 80% do Orzamento para Persoal e Gastos Correntes
Para o grupo municipal do PSOE, que o PP aprobe nestes momentos dita operación de crédito é “un insulto aos veciños”, pois “temos que ter en conta que o 80% do Orzamento de 2014 corresponde aos capítulos de Persoal e de Gastos Correntes e que o equipo de goberno tan só presupostou 60.000 euros para inversión”. Por este motivo, e dado que a xestión municipal adolece “de eficacia e de transparencia”, os socialistas solicitaron que o concello priorice na súa xestión sendos plans de aforro e de obras e servizos, de tal xeito que os veciños sexan informados dos mesmos debidamente.



No apartado de Rogos e Preguntas da Orde do Día tamén pediron ao alcalde que cumpra os tempos establecidos no Regulamento Orgánico para a celebración das sesión plenarias, xa que o Pleno deste mes debería de terse celebrado en xuño, así como o mantemento e acondicionamento de espazos públicos como a zonas de Barbalde e das Canteiras, ou o horto ecolóxico de Fábregas.