Torre de Amarante

lunes, 27 de mayo de 2013

O PSdeG de Antas esixirá de novo no pleno as melloras e o aforro no alumeado tras os continuos apagóns no Concello

Dende o PSdeG de Antas insistiremos no próximo pleno municipal en esixir “unha solución de
inmediato” para os continuos apagóns que sufre o Concello, despois de que fai un par de semanas un novo fallo no alumeado público deixara sen luz unha boa parte do casco urbano e estes problemas se repitan de xeito periódico en aldeas como Castro de Amarante. “Isto é un
desastre de xestión, polo que pediremos que dunha vez arranxen esta situación insostible
que fai parecer que en Antas por momentos, vivimos no século pasado”, os socialistas levamos xa cinco anos reclamando melloras nas instalacións.

O último apagón do alumeado público afectou a zonas céntricas como o colexio, o cuartel ou
a carretera de Santa Mariña. “Isto repítese con frecuencia no casco urbano, con casos
graves como a última Festa da Xuventude, con repercusións económicas para a hostalería ou
un maior risco de accidentes pola acumulación de xente, sen falar da imaxe que damos ante
as persoas que nos visitan”, critican os socialistas, que destacan “o risco tamén nas aldeas, con carreteras con moito tráfico e escasa visibilidade e con casas nos marxes da calzada”.

Os socialistas vimos reclamando desde hai cinco anos que se fagan reformas no alumeado público con dous fins: por unha banda mellorar as instalacións, “nas que hai cadros públicos abertos e incluso sen tapa, e hai aldeas nas que ata hai pouco tempo os veciños encendían e apagaban o alumeado público”, e por outro lado diminuír cun plan de aforro “os elevadísmos consumos eléctricos que disparan as facturas”.


Despilfarro enerxético e falta de transparencia
Lembramos que o Concello de Antas rexeitou sumarse ao plan da Deputación
provincial para realizar auditorías enerxéticas que suporía un 20% de aforro nas facturas da
luz, e que na liquidación de 2011, o Concello presentou facturas para o mantemento do
alumeado por importe de 25.000 euros entre materiais e man de obra contratada cun
terceiro, “cando o Concello conta con man de obra cualificada para estas tarefas, tal e como
se fixo sempre ata ese ano”. Isto constitúe “un gasto innecesario e inexplicable, a non ser
que teña fins electoralistas”, critica a socialista, que incide en que estas facturas e
documentos “non especifican en ningún caso a finalidade e o destino do gasto”, tal e como
fixemos constar nas alegacións presentadas ás contas municipais.

miércoles, 15 de mayo de 2013

O PSdeG de Antas presentará propostas para reducir custos na Feira do Queixo e na Festa dos Maiores


Os socialistas rexistraremos na alcaldía medidas para “aforrar e aumentar a transparencia da contratación” en dúas celebracións “moi importantes para a promoción do Concello e positivas a nivel social e económico”

O PSdeG de Antas anuncia que rexistrará varias propostas na alcaldía do Concello para “reducir custos e aumentar a transparencia da contratación” na Feira do Queixo e na Festa dos Maiores, dúas celebracións “moi importantes para a promoción do Concello e positivas a nivel social e económico” pero que “poden mellorar no referente á súa xestión económica”.

Así, no caso da Festa dos Maiores, os socialistas reclamamos que o Concello pida orzamento a tres empresas distintas para cada unha das contratacións (regalos, comida...) para “que o proceso sexa transparente, obter o mellor custo posible e evitar contratos a dedo”. No referente á Feira do Queixo, que é unha celebración rotatoria entre Antas, Palas e Monterroso que este ano acolle Antas, desde o PSdeG pedimos que haxa unha “redución de gastos na comida oficial” e que en lugar de invertir en carpas individuais para cada posto, o Concello aproveite a praza cuberta que hai no municipio “e na que se gastou unha importante cantidade de cartos” para facer a celebración dentro e nas rúas de arredor cunha única carpa máis grande e menos custosa que as individuais.

“A Feira do Queixo é un importante impulso para os produtos da zona, e a Festa dos Maiores supón unha xornada de encontro para que gocen os veciños e veciñas de máis idade, polo que deben potenciarse pero á vez realizar unha xestión responsable dos cartos públicos”, afirma a voceira socialista, Pilar García Porto, que lembra asimesmo a “opacidade nos orzamentos municipais para coñecer os gastos destas celebracións”.

Supresión do Primavera Sons e apoio a colectivos sociais do municipio
Por outra banda, desde o PSdeG reclamamos a supresión do Festival Primavera Sons, que organizou o Concello en 2011 e que supuxo un gasto de 12.000 euros cunha afluencia practicamente nula. Os socialistas reclamamos que estes cartos “sexan destinados a apoiar as actividades doutros colectivos sociais do municipio”, como a Festa da Xuventude ou o festival da Asociación Cultural Fiadeira, así como a banda de música, que conta cunha escola municipal, ou a coral polifónica. “Apostamos por apoiar e potenciar o que xa temos, para que non se perda, e non gastar noutros inventos”, afirma García Porto.

O PSdeG de Antas denuncia que o Concello incumpre a lei de protección de animais tras a morte dun can extraviado


Os socialistas esixiremos no pleno que o goberno local cumpra a normativa autonómica e asine un convenio cunha protectora ou ben constrúa unhas instalacións adecuadas, e lamentan “a desidia e falta de responsabilidade do equipo de goberno” tras recibir a alerta veciñal, “algo que xa pasou máis veces”

Dende o PSdeG de Antas denunciamos que o Concello incumpre a lei da Xunta de Galicia para a protección dos animais, despois de comprobar que “non ten un convenio asinado coa Sociedade Protectora de Animais e Prantas de Lugo nin tampouco conta con instalacións propias para atender e albergar animais e dar resposta a estes problemas no término municipal, tal e como esixe a normativa autonómica”. Os socialistas levaremos este asunto ao próximo pleno tras realizar estas comprobacións, despois de que os responsables locais non responderan á alerta veciñal polo estado dun can extraviado con collar que finalmente morreu “pola desidia e falta de responsabilidade do equipo de goberno”.

Os socialistas apuntamos que a pasada semana, un veciño de Antas atopou un can ferido que non era capaz de moverse nun terreo próximo á aldea de Vilaboa, xunto a unha propiedade municipal na que está ubicada a fosa de decantación dos residuos urbanos. “Este veciño avisou á Garda Civil, que lle indicou que o responsable nestes casos é o Concello. Nese momento puxo este feito en coñecemento do tenente de alcalde, pero ao día seguinte comprobou que non fixeran nada e o can estaba morto. Non estaba abandoado, porque tiña collar”, explica a nosa voceira, Pilar García Porto.

“Como era fin de semana e o Concello estaba pechado, ese día avisou de novo por teléfono, e ao non presentarse ninguén, púxose en contacto coas autoridades do SEPRONA, que lle explicaron de novo que a responsabilidade era do Concello”, di a socialista. García Porto explica que ante estas situacións os concellos poden actuar de dúas meneiras para cumprir coa lei: “Ou ben asinando un convenio cunha protectora de animales para que actúe ante un caso así, ou cun lugar acondicionado para albergar estes animais e atendelos”, algo que no caso de Antas non sucede.

No próximo pleno, os socialistas presentarán unha iniciativa para que “o Concello rubrique un convenio coa sociedade protectora ou con outro terceiro, ou ben para que se constrúan os espazos necesarios para coidar os animais abandonados ou extraviados” no municipio. “En épocas de caza ou próximas é frecuente atopar cans desorientasdos polas rúas ou cunetas”, lembran os socialistas, que lamentan que “non é a primeira vez que algo así se pon en coñecemento do Concello”, e destacan que “para os veciños supón unha responsabilidade e un risco atender un animal sen dono”. Desde o PSdeG indican tamén que “moitas veces os propios propietarios non atopan os animais que se extravían porque non teñen un lugar concreto de referencias para recollelos, e caban sucedendo estas cousas”.



jueves, 25 de abril de 2013

O Valedor admite a trámite a queixa en Antas pola posible “ilegalidade” na convocatoria do pleno dos orzamentos

A oposición puxo unha reclamación hai un mes ante o Valedor do Pobo por non ter o tempo que marca a normativa para poder analizar as contas públicas
 
O PSdeG vén de rexistrar ademais varias alegacións aos orzamentos, entre elas o incumprimento de prazos, a falta de información sobre subvencións otorgadas ou o rexistro como ingresos de axudas que aínda non foron concedidas
 
O Valedor do Pobo vén de admitir a trámite a reclamación do grupo socialista de Antas e dos nacionalistas pola posible convocatoria “ilegal” do pleno do pasado mes de marzo realizada polo alcalde, o popular Javier Varela, que adiantou a data unha semana sen avisar cos dous días hábiles de antelación que marca a normativa. No pleno, lembran os socialistas, debatíanse temas “de moita relevancia para o municipio”, como a aprobación inicial dos orzamentos municipais de 2013, a aprobación definitiva das contas de 2012 ou a modificación dos estatutos e os membros do consello de administración da polémica empresa municipal Épica. Toda a oposición abandonou o pleno hai un mes ante a “falta de información e o escurantismo” do goberno local, que non deu tempo a revisar a documentación para poder debater sobre as contas públicas.
 
Alegacións do PSdeG aos orzamentos
Por outra banda, o PSdeG vén de rexistrar en tempo e forma alegacións aos orzamentos municipais. En ditas alegacións reflíctese tamén a posible “ilegalidade” na convocatoria do pleno de marzo para a aprobación inicial dos orzamentos, e recóllense asimesmo outras presuntas “irregularidades” nas contas, entre elas a presentación dos orzamentos fóra do prazo establecido , que tiña como data límite o pasado 12 de abril, ou a “falta de información” sobre as subvencións. Os orzamentos municipais só recollen dúas subvencións concedidas á Sociedade Deportiva Antas e ás festas parroquiais, e os socialistas reclaman que se recollan todas as axudas a asociacións e entidades “nominalmente”, para asegurar “a transparencia e os criterios obxectivos na concesión de subvencións”, como explica a voceira do PSdeG no concello, Pilar García Porto.
 
A outra reclamación dos socialistas no apartado de subvencións refírese aos ingresos reflectidos nos orzamentos. Neste punto, o Concello calcula os ingresos tendo en conta as subvencións xa concedidas pero tamén as que son previsibles e aínda non están concedidas e incluso as que só están solicitadas. “Cremos que isto non é serio e que pode falsear as contas municipais, polo que reclamamos que o goberno local se centre en rexistrar os cartos que xa están oficialmente recoñecidos”, apunta García Porto.

jueves, 21 de marzo de 2013

A oposición ao completo abandona o pleno de Antas tras a convocatoria “ilegal” realizada polo alcalde

Xa presentamos unha queixa por escrito diante do Valedor do Pobo, e estamos pendentes do informe da Secretaría municipal

O grupo socialista de Antas e os nacionalistas abandonamos esta mañá o pleno de Antas de Ulla pola convocatoria “ilegal” realizada polo alcalde, o popular Javier Varela, que adiantou a data unha semana sen avisar cos dous días hábiles de antelación que marca a normativa. A situación é “aínda máis grave” porque no pleno se debatían temas “de moita relevancia para o municipio”, como a aprobación definitiva das contas de 2011, a aprobación inicial dos orzamentos municipais de 2013 ou a modificación dos estatutos e os membros do consello de administración da polémica empresa municipal Épica. Os membros da oposición critican que o goberno local non lles deu tempo para poder comprobar a documentación. “De novo o goberno do PP xoga coa falta de información e o escurantismo para facer e desfacer ao seu xeito, sen o mínimo sentido democrático, o que á súa vez é unha falta de respecto aos veciños e veciñas de Antas".

Presentamos antes do pleno a posibilidade de invalidar a convocatoria e volver a realizala ou o aprazamento e retirada dalgúns puntos. O alcalde negouse, e argumentou que os iban aprobar igual por ter a maioría absoluta, “nunha mostra do tipo de política déspota que fai o PP”. O rexedor propuxo, pola súa banda, seguir co pleno e incluir estes puntos no futuro para debatelos. “Quere que debatamos algo despois de estar xa votado e aprobado en pleno cunha convocatoria que el sacou da manga dun día para outro, cando o que hai que arranxar é que nos dean a posibilidade de coñecer os documentos para poder votar dun xeito coherente".

A oposición presentou unha queixa por escrito diante do Valedor do Pobo. Ademais, antes do pleno, O PSdeG envioulle un escrito ao alcalde que foi ignorado, e outro á Secretaría municipal para emitir un informe sobre a convocatoria do pleno, que están pendentes de recibir.

 


 

 

 

martes, 8 de enero de 2013

O PSdeG de Antas celebra que a Deputación invista na traída de auga, “unha demanda histórica” no concello


O grupo socialista está “moi satisfeito” de que o ente provincial asuma a obra ao 50% despois de que o Goberno Central deixara sen dotación a gran parte do Plan de Obras e Servizos, agardan que este sexa “o primeiro paso” para dotar de auga potable a todo o concello e lémbranlle ao PP que “hai moito que facer”

O Grupo municipal socialista de Antas de Ulla mostrase “moi satisfeito” co investimento realizado pola Deputación de Lugo na traída do concello, cunha obra prevista de “substitución parcial da rede de abastecemento de auga” e que vén a arranxar en gran parte o que xa era “unha demanda histórica” do PSdeG no concello e “unha necesidade para os veciños e as veciñas de Antas”. Despois de que o Goberno Central deixara sen dotación económica a parte do Plan de Obras e Servizos (POS), cun recorte de 2,7 millóns de euros na provincia de Lugo, a Deputación Provincial decidiu continuar adiante co POS aportando a súa parte e dándolle a posibilidade aos concellos de aportar ao 50% para continuar realizando obras na provincia.

”Ao longo de cinco anos presentamos numerosas iniciativas e reclamacións ao alcalde, xa que a rede está completamente deteriorada”, afirma a voceira socialista no concello, e engade que “as averías e roturas de tuberías son numerosas, e no verán prodúcese desabastecemento de auga potable, ademais de que as tuberías son de fibrocemento e hoxe xa non están autorizadas para uso sanitario pola súa toxicidade”. Este proxecto comprende a substitución parcial da rede de abastecemento de auga potable no casco urbán, concretamente no Camiño de Vilasión, e comprende o traxecto desde los depósitos de acumulación ata o Camino de Vilasión e posteriormente a súa continuación ata o encontro coa  rede de distribución na Rúa Nova. A financiación do orzamento, que ascende a 26.313,72€, será asumida no 50% pola Deputación e no 50% restante polo concello.

En palabras dos concelleiros socialistas “trátase duhna actuación necesaria e urxente que garantizará un abastecemento que cumpra coas normas sanitarias vixentes, pero insuficiente para satisfacer as necesidades actuais do núcleo urbano de Antas de Ulla, xa que a traída está deteriorada en moitos máis puntos e tamén as tuberías son de fibrocemento noutros tramos”. Neste sentido, lémbranlle ao PP que “hai moito que facer, e habería que empezar por ter en condicións os tanques do Monte Farelo que permanecen abertos e sen control todo o ano permitindo o acceso de animais ou persoas ao seu interior, tal e como denunciamos en numerosas ocasións, e habería que solucionar os problemas de abastecemento”. Así, critican que o Goberno Central destinase arredor de 600.000€ para a construcción dun tanque que non existe, e engaden que “hai moitas aldeas que aínda non teñen traída e outras nas que non funciona, como foi o caso de Olveda” este pasado verán. ”Agardamos que este sexa o primeiro paso para dotar de auga potable á poboación de todo o Concello e sentímonos orgullosos de que dende a Deputación se contribúa a dar solución a este vello problema dos veciños de Antas”, conclúen.

lunes, 10 de diciembre de 2012

OS PORTAVOCES SOCIALISTAS DOS CONCELLOS DE TABOADA, PORTOMARÍN, PALAS DE REI E ANTAS DE ULLA ANUNCIAN QUE REALIZARÁN UN EXAUSTIVO CONTROL E SEGUIMENTO DOS OBRADOIROS NOS SEUS CONCELLOS


Os últimos datos do paro resultan especialmente duros para o interior da provincia de Lugo, e mesmo chegan a triplicar a media galega.

 

O proceso selectivo que  terá lugar o vindeiro luns día 10 de decembro levanta sospeitas  por falla de imparcialidade segundo manifestaron algúns veciños destes catro concellos ós voceiros da oposición.

 

Os representantes do PSdeG-PSOE nestes concellos do interior lucense levarán a cabo iniciativas  nos seus concellos coa finalidade de exercer a labor de control necesaria e defender así os intereses dos seus veciños en igualdade de oportunidades.

 

Lugo, 7 de decembro do 2012. Os Concellos de Antas de Ulla, Palas de Rei, Taboada e Portomarín asociáronse para solicitar de xeito conxunto ante a Consellería de Traballo os obradoiros de emprego para a anualidade 2012. Esta nova resultou valorada positivamente polos 14 concelleiros socialistas destas poboacións pois segundo manifestaron nunha xuntanza celebrada esta semana para analizar a situación de desenvolvemento das políticas municipais levadas a cabo nos seus concellos “de cumplirse as expectativas de inserción laboral da Xunta o 70% dos alumnos debería atopar traballo unha vez rematados os obradoiros, e nós velaremos para que o esforzo dos alcaldes sexa máximo neste sentido”.

En declaracións feitas polos voceiros socialistas din estar seriamente preocupados polas críticas situacións que están vivindo as familias víctimas da dura situación de desemprego de parte dos seus membros que fai tambalear as economías domésticas. Así manifestan “se os índices do paro son máis que preocupantes en todo o país na nosa zona resultan alarmantes xa que chegamos a triplicar a  media galega con respecto ó mesmo mes do ano anterior, é decir fai un ano".

Segundo datos da Consellería de Traballo os catro concellos contaron no mes de novembro con 651 persoas en situación de desemprego (Antas de Ulla 134, Palas de Rei 240, Portomarín 86 e Taboada 191), e incrementaron en total o número de parados en 86 persoas máis que no mes de outubro.

Destacan tamén outros datos oficiais por comarcas ás que pertencen estes catro concellos, e que se relacionan no seguinte cadro:

 

 
Nº DE PARADOS MES DE NOVEMBRO
% RESPECTO Ó ÚLTIMO MES
% RESPECTO Ó MESMO MES DO ANO ANTERIOR
GALICIA
276.536
3,26%
9,12%
PROV. LUGO
27.903
6,00%
11,52%
COMARCA DE LUGO
11.116
6,23%
10,43%
COMARCA DE CHANTADA
1.012
4,76%
11,70%
COMARCA DA ULLOA
639
9,23%
28,57%

 

Os voceiros socialistas despois de levar a cabo unha xuntanza de análise e balance de políticas municipais, e ante a dolorosa realidade que moitos desempregados e as súas familias están vivindo na Comarca Suroeste da provincia, quixeron poñer de manifesto a crítica situación destes concellos do interior lucense, e así aclaran “na provincia de Lugo  o índice do paro con respecto ó mes anterior é o doble que en Galicia, un 6% fronte ó 3,26 da Comunidade Autónoma”, e engaden “o caso máis sangrante é a Comarca da Ulloa, mentras que que en Galicia o paro subiu un 9,12% en comparación co mes de novembro do 2011 na nosa comarca esta cifra triplicouse e atopámonos nun 28,57%".
Ante a inminente proba selectiva para desempregados que se incorporarán ó obradoiro de emprego solicitado conjuntamente polos catro concellos, que se celebrará o vindeiro luns día 10, e as queixas de veciños manifestadas ós socialistas por non ter coñecemento do proceso selectivo ou mesmo porque algún deles manifestou que antes da publicación da orde xa sabía por fontes municipais que non ía ter opcións aínda cumplindo cos requisitos para entrar na selección.

Ante estas e outras presuntas irregularidades detectadas  e coa finalidade de velar pola igualdade de oportunidades para todas persoas en situación de ser incluídas nestes obradoiros os grupos municipais do PSdeG-PSOE levarán a cabo iniciativas ós distintos plenos e realizarán unha exhaustiva labor de seguimento e control dende o proceso de selección  ata a adxudicación dos obradoiros. En alusión a esto pronuncian “faremos todo o necesario para que participen nestes obradoiros os que teñan dereito, en igualdade de oportunidades,  non permitiremos a entrada a dedo, nin o uso partidista ou con carácter electoralista desta oportunidade laboral para moitas persoas”, “despois de ver o reparto partidista e sectario de obradoiros feito polo PP nos concellos desta provincia esixiremos un proceso e desenvolvemento límpios e transparentes a favor da imparcialidade entre veciños no que se beneficien aqueles que realmente o necesitan e teñen dereito, tal e como indica a orde da Consellería de Traballo”.