Torre de Amarante

sábado, 3 de octubre de 2015

As obras de mellora da Plaza de España unha obra afastada das necesidades reais da veciñanza

A voceira do PSOE en Antas de Ulla, Pilar García Porto, denuncia que o Alcalde se “enfrasca nun proxecto faraónico afastado das necesidades reais dos veciños”, pois Varela decidiu investir 400.000 euros para melloras en contornas urbanas nunha única obra, concretamente no arranxo da Praza de España; cuxa “contratación oculta as súas miserias”. Os socialistas explican que, tras un proceso “nada transparente e baseado en criterios subxectivos”, o proxecto foi adxudicado a “unha vella coñecida do goberno municipal”, pois a empresa beneficiaria executa un número importante das obras do Concello. O PSOE reclama a Varela que aclare aos veciños os criterios que seguiu nesta contratación, así como o feito de que foran os propios traballadores municipais os que executaron as primeiras obras deste proxecto, cando a totalidade das actuacións que contempla deberían estar adxudicadas a unha entidade que ata ofreceu levar a cabo melloras no proxecto “poucos reais”, pois superan os 100.000 euros.

Obra faraónica
O Pleno do 30 de xullo aprobou o expediente de contratación da obra Acondicionamento da Praza de España. Tras a celebración da mesa de contratación, na sesión plenaria do 28 de agosto acordouse a súa adxudicación. “O Alcalde en ningún momento quixo contar coa opinión dos Concelleiros do PSOE. Nin nos consultou para o desenvolvemento do proxecto, nin nos convidou a formar parte da mesa de contratación, polo que tivemos que amosar a nosa opinión a toro pasado”, subliñou García Porto. En dita 1ª sesión plenaria, os socialistas explicaron que apoiaban a apertura do expediente de contratación, posto que co prazo de execución establecido (o 15 de decembro de 2015 é a data límite para xustificar a execución das obras), non había marxe para realizar modificacións. Con todo, tamén manifestaron que a obra a executar non lles parecía “indispensable nin prioritaria”. O proxecto esta financiado a través do Plan Urban da CMATI. Por iso, tal e como explicou o propio Alcalde, as actuacións teñen que ir dirixida a contornos urbanos. “Non resulta ético realizar obras por uns gastos totais de 394.400 euros nunha única praza mentres hai familias dentro do propio casco urbano, ó igual que acontece en moitos núcleos rurais, que teñen pistas de terra para chegar ós seus fogares ou carecen de servizos básicos como traída de auga ou sumidoiros. Tal e como sempre defendemos dende o PSOE, o gasto e os investimentos deben priorizarse en función das necesidades e demandas da poboación”, salientou a voceira. No 2º pleno, os socialistas non apoiaron a contratación da obra por non ter acceso á documentación presentada polas empresas con tempo suficiente para revisala axeitadamente logo de constatar que a empresa que resultaba adxudicataria é a mesma que realiza a gran parte das obras do Concello.

Adxudicación con ecos de “cambalache”
Os socialistas comprobaron que a mesa de contratación –á que non foron convidados- estaba integrada por 2 técnicas municipais (secretaria e a propia arquitecta que realizou o proxecto) e 3 membros do PP (Alcalde e dous Concelleiros). A adxudicataria resultou ser “unha vella coñecida do equipo de goberno, pois aínda na pasada campaña electoral se encargou de obras de estradas municipais por valor de 100.466,65 euros, entre outras actuacións recentes”. Un total de 24 entidades participaron nestes proceso, no que os criterios subxectivos supuxeron o 75% da puntuación total (75 puntos sobre 100). “¿Por que soa a adxudicación con ecos de cambalache?. Pois porque a empresa contratada, na valoración dos criterios obxectivos é superada por 10 das 24 empresas que se presentaron. Na valoración económica acada a mesma puntuación que outra entidade, que superaría en puntuación. Só gana cando se valoran as melloras presentadas -que se inclúen nos criterios subxectivos, pois estas non se poden medir- cunha diferenza de tan só de 3 puntos. Todo isto, aínda que o valor das melloras da adxudicataria é inferior ao da entidade que quedou en segundo lugar (110.505,98 euros fronte a 110.630 euros)”.
“O Alcalde debe aclarar que criterios seguiu para decidir que as melloras ofertadas por esta empresa, afincada en Vila de Cruces, eran mellores que ás de outras, cando se ofrecían actuacións como a dotación de contenedores soterrados, eliminación de barreiras arquitectónicas, construción dun parque infantil, infraestruturas de saneamento e abastecemento...¿Por que decidiu contratar a esta empresa para realizar unha obra que nin foi demandada polos veciños nin resulta prioritaria ante a falla de sumidoiros, traídas de auga, pavimentos de acceso a fogares ou mesmo beirarrúas? Un orzamento de case 400.000 euros non pode centrarse en decorar os arredores do Concello e os as poucas beirarrúas que pisa o Alcalde. Esta praza, se as obras se rematan axeitadamente e no prazo previsto, será a triste máscara que oculta as miserias da xestión de Varela”, remarcou García Porto.

Obras contratadas e que executan traballadores municipais

No pleno celebrado de xeito aprazado o 28 de setembro, entre outros asuntos, o PSOE de Antas de Ulla interesouse polas actuacións de retirada de materiais que o Concello estaba a realizar con medios propios (traballadores e maquinaria) na praza de España, poñendo en marcha deste xeito o proxecto de 400.000 euros contratado a unha empresa externa. Os socialistas formularon as seguintes preguntas: Á vista de que o Concello de Antas de Ulla está a retirar con medios propios materiais do pavimento da Praza de España, así como mobiliario urbano, o cal é susceptible de formar parte do proxecto recentemente adxudicado e denominado ACONDICIONAMENTO DA PRAZA DE ESPAÑA; ¿qué importe do citado proxecto se corresponde cos traballos realizados polo Concello con medios propios? e ¿como vai a repercutir este aforro no desenvolvemento das actuacións que a empresa adxudicataria levará a cabo na Plaza de España?. O Alcalde dixo que “non lle corresponde ningún importe porque non se contemplaban esas actuacións no proxecto e, polo tanto, non había cartos destinados a súa execución”. Os socialistas manteñen que en todos os proxectos se deben incluír estes traballos, pois son previos á execución de obras. O PSOE asegura que empresas que se presentaron ao concurso para o acondiconamento da praza de España ofertaron a retirada do mobiliario urbano e a reubicación do mesmo, que finalmente levou a cabo persoal municipal. 

martes, 22 de septiembre de 2015

O PSOE de Antas de Ulla reclama á Xunta explicacións sobre a demora de máis de 3 anos nas obras de ampliación da residencia de maiores Os socialistas esixen a Varela que inicie de xeito inmediato estas actuacións, posto que asegurou que en setembro quedarían desbloqueadas

Dende o PSOE de Antas de Ulla trasladamos varias preguntas ao Parlamento galego para que a Xunta explique os motivos da demora de máis de 3 anos nas obras de ampliación da residencia de maiores. Os socialistas esiximos ao Alcalde, Javier Varela, que poña en marcha “de xeito inmediato” estas actuacións, posto que asegurou que en setembro quedarían desbloqueadas.
A nosa voceira municipal do PSOE, Pilar García Porto, explicou que estes traballos se enmarcan nun convenio entre o Ministerio de Agricultura e a Xunta de Galicia, publicado no BOE do 11 de xuño de 2012, mediante o cal estaba previsto conceder 2.817.200 euros ao Concello de Antas de Ulla para a ampliación da residencia de maiores, así como outros 600.0000 euros para melloras en traídas de auga municipais. Dende entón, este orzamento superior aos 3,4 millóns de euros nunca se chegou a ingresar nas contas do Concello e as obras non se levaron a cabo.
As preguntas que os socialistas agardan a que responda o Goberno autonómico na Cámara galega son as seguintes: 1. Cal é motivo para non acollerse a este modelo que tiña unha cofinanciación estatal e polo tanto desaproveitar eses recursos? ; 2.- Non considera a Xunta de Galicia estas actuacións necesarias e por iso non se desenvolveu dito convenio?; 3.- A que foron dedicados os fondos previstos en dito convenio e que non foron executados?; 4.- Cales delas se realizaron o amparo deste convenio?; 5.- Cales se deixaron de executar?; 6.- Realizouse algunha actuación  buscando outra fórmula distinta da conveniada co Ministerio de Agricultura?; 6.- Cal é motivo para non acollerse a este modelo que tiña unha cofinanciación estatal e polo tanto desaproveitar eses recursos?; 7.- A que foron dedicados os fondos previstos en dito convenio e que non foron executados?.
Papel do Concello
Á espera de coñecer a responsabilidade desta demora de máis de 3 anos por parte da Xunta de Galicia, García Porto salientou que “o Goberno local do PP é complice do bloqueo a este proxecto en impulso do emprego e do benestar social, posto que o Alcalde foi incapaz de sacar adiante o PXOM, imprescindible para a execución destes traballos”. 

Tendo en conta este bloqueo de máis de 3 anos por parte de Varela, no Pleno Extraordinario Municipal do 31 de agosto aprobouse a delimitación do núcleo rural de Vilaboa, que permite  a execución das obras de amplicación da residencia de maiores ante a ausencia do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Aprobado este trámite, o propio Goberno local do PP asegurou que en setembro estaría todo listo para a posta en marcha destes traballos.

“Polo tanto, rematadas as escusas do Goberno local, os socialistas esiximos a Varela que inicie de xeito inmediato estas obras, que levan anos prometendo”, reclamou García Porto. E é que dende 2013, o Alcalde inclúe estes traballos no Orzamento de Antas de Ulla a pesares de non contar co presuposto do Ministerio de Agricultura e da Xunta de Galicia. “Varela leva anos inflando as contas municipais e enganando aos veciños”, sinalou a voceira. 

ENLACES ÁS NOVAS PUBLICADAS NOS XORNAIS:



miércoles, 4 de marzo de 2015

O MANTEMENTO DAS ESTRADAS É PARA NOS UNHA PRIORIDADE

Dende a nosa agrupación consideramos que ás inversión en matemento das carreteras son vitais para a veciñanza de Antas de Ulla, sobre todo para aquelas persoas que viven nas aldeas, pois precisan utilizalas a diario. Esta é unha vella reivindicación dos socalistas de Antas que vimos reclamando o mantemento das vías e pistas municipais dende hai máis dunha década, e neste sentido levamos ó Pleno do Concello varias iniciativas que o alcalde nin incluiu nas diferentes sesións para evitar o seu debate.

Como podedes ver nestas imaxes e como ben sabedes os que a diario precisades desprazarvos en coche a lamentable situación que ofrecen moitas das vías do noso concello é esta;

O certo é que máis aló de atopar unha resposta práctica a este problema que afecta a todos os veciñ@s de Antas de Ulla, o Concello tan só dispuxo das ferramentas para tapar algunha fochanca con gravilla ou zahorra a pesar de prometer ata dous plans de bacheo que sumaban 300.000€.


Dende a Deputación de Lugo estase atallando este problema para os veciñ@s facendo unha recuperación integral (cunetas e firmes) que comenzou aló polo mes de xullo do ano pasado, das estradas que son titularidade desta entidade, coa utilización do Parque Móbil, a día de hoxe xa se remataron:
  • máis de 24 quilómetros da LU-P-1809, de Antas de Ulla a Chantada,
  •  a LU-P-0303, de Santiso a Cruceiro
  • a  rúa que vai dende o casco urbano ao cuartel da Garda Civil 
  • a calle Rodeiro
  • mellorouse a estrada a palas de Rei ata o acceso á Cervela
CARRETERA ANTAS DE ULLA-CHANTADA

RÚA GENERAL PORTOMEÑE

Ademáis colaborouse co Concello para que arranxara varias vías da súa competencia a través do P.O.S. (Plan de Obras e Servizos), algún dos últimos exemplos son:
  • P.O.S 2013 - ACONDICIONAMENTO DA CARRETERA  DE ANTAS DE ULLA A BERTOSENDE POR QUINTELA
  • P.O.S 2014 - RECUPERACIÓN DE ACCESOS A VILASANTE, ABOI, SUAR E FONDEVILA
  • P.O.S 2015 - Aprobado recentemente e sen executar ACCESOS A FONTELO, SAN        MARTIÑO DO CARRASCO, VILASIÓN E SAN FIZ

http://www.deputacionlugo.org/portal_localweb_ag/p_20_contenedor1.jsp?seccion=s_fnot_d4_v1.jsp&contenido=26927&tipo=8&nivel=1400&layout=p_20_contenedor1.jsp&codResi=1&language=es&level=1#sthash.QJXa1Wct