Torre de Amarante

jueves, 15 de noviembre de 2012

OS SOCIALISTAS DE ANTAS LAMENTAN A POSIBLE IMPLICACIÓN DO ALCALDE NO COBRO DE COMISIÓNS ILEGAIS A UNHA EMPRESA ADXUDICATARIA DE VARIAS OBRAS DO CONCELLO


Os socialistas anuncian que esixirán ante o concello o acceso a toda a documentación das obras adxudicadas a EXCAMEL, S.L.  para levaren a cabo un rigoroso control e análise das mesmas
Antas de Ulla, 07 de outubro de 2012. O diario El País publicou con data do 7 de outubro de 2012 unha nova en que se relata a posible implicación do alcalde de Antas no cobro de comisións ilegais á empresa Excamel, adxudicataria de varias obras  en Antas de Ulla, entre as que se atopan as últimas do Plan E correspondentes á anualidade 2010, e que, tal e como figura na web do Ministerio de Política Territorial, están aprobadas para o concello de Antas de Ulla.Trátase de dous proxectos cos seguintes orzamentos:
186 586,97 €   Dotación de infraestructuras, mejoras y conservación del área de especial interés de Augas
83 573,02 €     Puesta en valor y mejoras de los edificios de propiedad municipal sitos en As Canteiras
Xa no seu momento o Grupo Municipal Socialista de Antas advertira que “para levar a cabo a contratación dos case 400 000 € do Plan E do 2009 e dos preto de 300 000 € do 2010, o alcalde non quixo contar con empresas do noso concello. O procedemento legal indica que o alcalde tiña a obriga de convidar como mínimo a tres empresas para que concorreran á licitación, pero, curiosamente, ningunha delas  foi do noso concello”.
A empresa que executou as obras do 2009 foi  LUIS TABOADA S.L., de Vila de Cruces. En canto ás obras para realizar durante o ano 2010, a empresa adxudicataria foi EXCAMEL S.L. de Melide,  a continuación detallaremos as ofertas realizadas polas distintas empresas que concorreron o sorteo público en Antas de Ulla o día 21 de maio de 2010:
Puesta en valor y mejoras de los edificios de propiedad municipal sitos en As Canteiras (83 573,02 €)
            Excamel S.L.                               82 999 €  (Adxudicataria)
            Vázquez y Mesías S. L.           83 573,02 €
            Rafer S.L.                                      83 573,02 €
Dotación de infraestructuras, mejoras y conservación del área de especial interés de Augas (186 586,97 €)
            Excamel S.L.                               185 948 €  (Adxudicataria)
            Vázquez y Mesías S. L.           186 897 €
            Rafer S.L.                                      186 586 €
Declaran os concelleiros a través da súa voceira “xa no seu momento chamounos poderosamente a atención o feito de comprobarmos a coincidencia, ata nos céntimos!, da oferta realizada polas empresas non adxudicatarias da primeira obra, como tamén resultaba sorprendente que a única que presentou o correspondente certificado de solvencia bancaria para ambas as dúas obras fose  EXCAMEL S.L.”.
Noutra orde de cousas, os socialistas quixeron sinalar que o alcalde e o seu grupo de goberno seguen ocultando información sobre varios proxectos desenvolvidos no concello de Antas de Ulla e que, cando menos, resultan sospeitosos de presentaren irregularidades. Este é o caso do Horto Ecolóxico de Frádegas, en que se superpoñen claramente varios proxectos con distintas denominacións para o lugar de localización e de realización das obras, así como co cobro de subvencións procedentes de distintas administracións, e que claramente non cumpriron os prazos estipulados de desenvolvemento nin os fins orixinarios para os que foron concibidos. En concreto aclaran: “tal e como advertimos no seu momento o proxecto do Plan E denominado  Dotación de infraestructuras, mejoras y conservación del área de especial interés de Augas (186 586,97 €), antes foi o Centro Sostible de Ecoloxía Aplicada, tamén coñecido como Horto Ecolóxico, en que se certificaron  400 000 € con cargo ao programa europeo INTERREG III A, proxecto RURALIS SP1.P166/03”.
A estes puntos facía referencia o informe de denuncia das contas do concello do secretario-interventor municipal, Francisco Torrente Hortas, en que expoñía “presuntos ilícitos penais como os de malversación de fondos públicos, falsidades documentais, dilación indebida e obstrución dos labores de investigación do Tribunal de Contas e do Valedor do Pobo, prevaricación, contratación ilegal de persoal municipal, impedimento dos dereitos que a Constitución e a Lei recoñecen aos membros electivos da Corporación e outros”.
Perante esta situación, os concelleiros socialistas manifestan que esixirán por escrito a documentación relativa a todas as obras executadas por Excamel S.L. en Antas de Ulla, coa finalidade de analizar en detalle e comprobar que non se producisen irregularidades na adxudicación e na realización das obras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario