Torre de Amarante

martes, 15 de junio de 2010

Barbaridades populares

Esta entrada está formada polo artigo de opinión do compañeiro Luis Ángel Lago Lage, Lucho, Senador en Madrid, publicada no xornal El Progreso o pasado domingo.


BARBARIDADES POPULARES

A lideresa nacional asiste a un acto público do PP en Madrid e presume diante de Rajoy: “esta mañana ya hablé y he dicho barbaridades sobre la reforma light del Gobierno”. De novo un micrófono aberto, e xa son moitos, deixa en evidencia as malas artes destes patrioteiros populares, que levan o estandarte no corazón e a patria na carteira.

Está claro, existe unha campaña de acoso e derribo de Zapatero, perfectamente deseñada e planificada, e son perfectamente conscientes das moitas barbaridades que no día a día executan nunha sinfonía estridente de desprestixio e crispación, sen importarlles para nada o dano que están a facer ó país, á súa solvencia económica e ó benestar cidadán, porque prefiren o peor para España antes que apoiar ó Goberno.

Moitas barbaridades que a cotío temos que escoitar co obxectivo único de facerlle dano ó Goberno, falando mal de España e da súa economía e opoñéndose a calquera medida para saír da crise. E digo eu, que pensarán agora de Inglaterra ou Alemaña, ¿tamén son países tutelados e intervidos pola Unión Europea, ou perderon a súa soberanía económica?. Seguramente pensarán que despedir a 15.000 funcionarios alemáns é unha medida necesaria, que os recortes sociais en Alemaña, tamén en pensións e sanidade, son xustos ou que subir os impostos de todos é unha medida xustificada.

Como efecto colateral a crise está a mostrarnos a faciana máis dura da dereita española, desquiciada polas ansias de poder, que na mañá racha as súas vestimentas polas medidas de austeridade en España e pola tarde se felicita entusiasta dos recortes sociais en Alemaña e Inglaterra. Rajoy non entende que con tantas barbaridades están a xerar máis desconfianza nos mercados financieiros e a prexudicar máis os intereses de España e as súas posibilidades de recuperación.

Luis Angel Lago Lage
Senador por Lugo

No hay comentarios:

Publicar un comentario