Torre de Amarante

miércoles, 15 de mayo de 2013

O PSdeG de Antas denuncia que o Concello incumpre a lei de protección de animais tras a morte dun can extraviado


Os socialistas esixiremos no pleno que o goberno local cumpra a normativa autonómica e asine un convenio cunha protectora ou ben constrúa unhas instalacións adecuadas, e lamentan “a desidia e falta de responsabilidade do equipo de goberno” tras recibir a alerta veciñal, “algo que xa pasou máis veces”

Dende o PSdeG de Antas denunciamos que o Concello incumpre a lei da Xunta de Galicia para a protección dos animais, despois de comprobar que “non ten un convenio asinado coa Sociedade Protectora de Animais e Prantas de Lugo nin tampouco conta con instalacións propias para atender e albergar animais e dar resposta a estes problemas no término municipal, tal e como esixe a normativa autonómica”. Os socialistas levaremos este asunto ao próximo pleno tras realizar estas comprobacións, despois de que os responsables locais non responderan á alerta veciñal polo estado dun can extraviado con collar que finalmente morreu “pola desidia e falta de responsabilidade do equipo de goberno”.

Os socialistas apuntamos que a pasada semana, un veciño de Antas atopou un can ferido que non era capaz de moverse nun terreo próximo á aldea de Vilaboa, xunto a unha propiedade municipal na que está ubicada a fosa de decantación dos residuos urbanos. “Este veciño avisou á Garda Civil, que lle indicou que o responsable nestes casos é o Concello. Nese momento puxo este feito en coñecemento do tenente de alcalde, pero ao día seguinte comprobou que non fixeran nada e o can estaba morto. Non estaba abandoado, porque tiña collar”, explica a nosa voceira, Pilar García Porto.

“Como era fin de semana e o Concello estaba pechado, ese día avisou de novo por teléfono, e ao non presentarse ninguén, púxose en contacto coas autoridades do SEPRONA, que lle explicaron de novo que a responsabilidade era do Concello”, di a socialista. García Porto explica que ante estas situacións os concellos poden actuar de dúas meneiras para cumprir coa lei: “Ou ben asinando un convenio cunha protectora de animales para que actúe ante un caso así, ou cun lugar acondicionado para albergar estes animais e atendelos”, algo que no caso de Antas non sucede.

No próximo pleno, os socialistas presentarán unha iniciativa para que “o Concello rubrique un convenio coa sociedade protectora ou con outro terceiro, ou ben para que se constrúan os espazos necesarios para coidar os animais abandonados ou extraviados” no municipio. “En épocas de caza ou próximas é frecuente atopar cans desorientasdos polas rúas ou cunetas”, lembran os socialistas, que lamentan que “non é a primeira vez que algo así se pon en coñecemento do Concello”, e destacan que “para os veciños supón unha responsabilidade e un risco atender un animal sen dono”. Desde o PSdeG indican tamén que “moitas veces os propios propietarios non atopan os animais que se extravían porque non teñen un lugar concreto de referencias para recollelos, e caban sucedendo estas cousas”.



No hay comentarios:

Publicar un comentario