Torre de Amarante

miércoles, 15 de mayo de 2013

O PSdeG de Antas presentará propostas para reducir custos na Feira do Queixo e na Festa dos Maiores


Os socialistas rexistraremos na alcaldía medidas para “aforrar e aumentar a transparencia da contratación” en dúas celebracións “moi importantes para a promoción do Concello e positivas a nivel social e económico”

O PSdeG de Antas anuncia que rexistrará varias propostas na alcaldía do Concello para “reducir custos e aumentar a transparencia da contratación” na Feira do Queixo e na Festa dos Maiores, dúas celebracións “moi importantes para a promoción do Concello e positivas a nivel social e económico” pero que “poden mellorar no referente á súa xestión económica”.

Así, no caso da Festa dos Maiores, os socialistas reclamamos que o Concello pida orzamento a tres empresas distintas para cada unha das contratacións (regalos, comida...) para “que o proceso sexa transparente, obter o mellor custo posible e evitar contratos a dedo”. No referente á Feira do Queixo, que é unha celebración rotatoria entre Antas, Palas e Monterroso que este ano acolle Antas, desde o PSdeG pedimos que haxa unha “redución de gastos na comida oficial” e que en lugar de invertir en carpas individuais para cada posto, o Concello aproveite a praza cuberta que hai no municipio “e na que se gastou unha importante cantidade de cartos” para facer a celebración dentro e nas rúas de arredor cunha única carpa máis grande e menos custosa que as individuais.

“A Feira do Queixo é un importante impulso para os produtos da zona, e a Festa dos Maiores supón unha xornada de encontro para que gocen os veciños e veciñas de máis idade, polo que deben potenciarse pero á vez realizar unha xestión responsable dos cartos públicos”, afirma a voceira socialista, Pilar García Porto, que lembra asimesmo a “opacidade nos orzamentos municipais para coñecer os gastos destas celebracións”.

Supresión do Primavera Sons e apoio a colectivos sociais do municipio
Por outra banda, desde o PSdeG reclamamos a supresión do Festival Primavera Sons, que organizou o Concello en 2011 e que supuxo un gasto de 12.000 euros cunha afluencia practicamente nula. Os socialistas reclamamos que estes cartos “sexan destinados a apoiar as actividades doutros colectivos sociais do municipio”, como a Festa da Xuventude ou o festival da Asociación Cultural Fiadeira, así como a banda de música, que conta cunha escola municipal, ou a coral polifónica. “Apostamos por apoiar e potenciar o que xa temos, para que non se perda, e non gastar noutros inventos”, afirma García Porto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario