Torre de Amarante

lunes, 14 de octubre de 2013

O PSdeG de Antas denuncia a “falta de ética” do PP por contratar servizos municipais a familiares próximos do alcalde e unha edil

“O Concello paga por asistencia xurídica a un parente de Javier Varela” e a contratación das pólizas aseguradoras “foi para o marido da concelleira do goberno local con dedicación exclusiva", unha situación que os socialistas critican nas alegacións á Conta Xeral de 2012 que debaterá o pleno o luns

Subliñan que este documento contable demostra “a desastrosa xestión económica” do rexedor, pois “constatamos que faltan facturas, e que hai retrasos inxustificados no abono do servizo de recollida de lixo. Ademais neste 2013 ten facturas sen pagar ós provedores por valor de 1 millón de euros”

O PSdeG de Antas de Ulla considera “unha total falta de ética e de dubidosa legalidade” a contratación por parte do goberno local do PP de dous servizos municipais a familiares moi próximos do alcalde e unha concelleira, sen telos sacado a concurso público. O Concello, “con cartos de tódolos veciños”, págalle por asesoramento xurídico dende hai xa varios anos a un parente de Javier Varela, unha situación que, “ademais do amiguismo que denota, é moito máis grave, pois o Concello pode ter totalmente gratis asistencia xurídica da Deputación de Lugo”, explica a voceira municipal, Pilar García Porto. Por outra banda, a contratación das pólizas aseguradoras municipais “foi para a empresa do marido da edil do goberno con dedicación exclusiva”, unha decisión que tamén pon de manifesto para os socialistas que o PP “pon a alcaldía ó servizo de intereses de amizade, en lugar de procurar as mellores prestacións para os veciños, pois o correcto sería sacar estes contratos a concurso en aras da transparencia, a igualdade de oportunidades e mellor xestión, en lugar da contratación a dedo”.

Ambos casos, “dende logo reprobables eticamente, pero tamén dubidosamente legais”, centran parte das alegacións que o Grupo Municipal do PSdeG de Antas presentou á Conta Xeral de 2012 que debaterá o pleno o vindeiro luns. Este documento contable debe reflectir a realidade económica do Concello ó peche do ano, como executou o orzamento, canto gastou e canto ingresou, ou as débedas que acumula.

Neste senso, Pilar García Porto, tamén deputada provincial de Economía, Recadación e Facenda, recalcou que o expediente, “ademais de amiguismo”, demostra “a desastrosa xestión económica do alcalde”. “Constatamos que faltan facturas; que non se fai unha xestión eficiente dos recursos públicos, pois, por exemplo, contrátanse servizos xurídicos que  se podían tres gratis, ou traballos no alumeado público que os podería facer persoal municipal; e houbo retrasos no abono do servizo de recollida de lixo, pois a 31 de decembro, había pendentes de pago 35.000 euros, algo inxustificado, porque os usuarios tiñan pagado escrupulosamente ó Concello as correspondentes taxas e estes cartos non poden ter outro destino máis que o de abonar a recollida de lixo”. Ademais, o Concello ten pendentes de pago 1 millón de euros en facturas a provedores, como consta no Orzamento municipal deste 2013.
Convocatoria irregular

Outra das alegacións presentadas polo PSdeG ten que ver coa convocatoria da comisión informativa municipal para tratar este documento, que se celebra previamente ó pleno e tivo lugar a principios de setembro. A voceira lembrou que o alcalde “saltouse de novo as regras democráticas” ó convocar a xuntanza de xeito “irregular, sen respectar os prazos mínimos esixidos pola lei, unha vulneración dos nosos dereitos e unha falta de respecto ós veciños inaceptable”, pero “nin moito menos a única”, xa que “fixo o mesmo en marzo co pleno de aprobación dos Orzamentos deste 2013, que adiantou unha semana sen avisar cos dous días de antelación requiridos”. García Porto lembrou que o Valedor do Pobo admitiu a trámite a reclamación que lle fixo o grupo socialista e os nacionalistas pola actuación do rexedor no caso da sesión plenaria de marzo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario