Torre de Amarante

lunes, 14 de octubre de 2013

O PSdeG de Antas reclama ó alcalde que “cumpra a palabra dada” e disolva a empresa pública Épica “dada a súa inutilidade”

Os socialistas lamentan “a falta de rigor” de Varela ó rexeitar todas as súas alegacións ás contas xerais de 2012, incluídas as relacionadas coa contratación de dous servizos municipais a familiares próximos do goberno local, “sen basearse nun informe técnico elaborado pola secretaría”   

O PSdeG de Antas de Ulla reclamou no pleno celebrado na mañá deste luns que o Goberno local do PP “cumpra a palabra dada” e disolva a Empresa de Promoción Integral de Antas (Épica), de titularidade municipal, dada a súa “inutilidade, pois non cumpre ningunha función, e os resultados económicos negativos que presenta”. Os socialistas lembran que o alcalde comprometeuse a primeiros deste ano a pechar a sociedade mercantil na pasada primavera, “algo que non cumpriu”, e ante as explicacións que lle pediron na sesión plenaria de hoxe, “deunos largas e escusas pouco fundamentadas”, polo que “lle esiximos que mire polos intereses dos veciños e acabe por desfacerse desta entidade inútil”, subliñou a voceira municipal, Pilar García Porto.    

A Conta Xeral de Épica correspondente a 2012, na que se reflicte a situación económica da empresa, foi un dos asuntos abordados hoxe pola corporación de Antas, así como o estado de contas do Concello en xeral, tamén referido ó pasado ano. García Porto lamentou a “falta de rigor” do alcalde por rexeitar todas as súas alegacións a estes documentos contables, incluída a contratación de dous servizos municipais a familiares próximos ó goberno local, “sen avalar as súas manifestacións cun informe técnico elaborado pola Secretaría municipal, algo sorprendente que volve a demostrar a súa nefasta xestión e descontrol”.

A voceira socialista tamén esixiu “máis transparencia nas contas, que nos permita cumprir co noso papel de fiscalización do traballo do Concello e comprobar a execución real dos orzamentos, pois a documentación presentada está incompleta, faltan facturas e non temos todos datos en canto a investimentos reais”.

A necesidade de axilizar o PXOM
O PSdeG aproveitou o pleno para demandar ó executivo do PP que axilice a elaboración e tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), “que aínda está nos primeiros pasos”, co obxectivo de favorecer “o normal desenvolvemento urbanístico de Antas, que hoxe se sigue rexendo por unhas normas subsidiarias obsoletas da década dos 70, pero tamén para aforrar cartos ós veciños cando para unha obra teñen que realizar unha delimitación en solo rural”. Os socialistas fixeron este chamamento no punto no que se debateu a aprobación provisional da modificación do proxecto da delimitación de solo do núcleo rural de Vilane.

“Ó PP non lle importan os problemas dos veciños”
Por outra banda, subliñou García Porto, o grupo municipal do PP “fixo gala de novo do seu despotismo e falta de interese polos problemas reais dos veciños” ó negarse a debater unha moción presentada polos socialistas na que lle pedían  ó Concello que atenda varias demandas dos residentes na parroquia de Barreiro: eliminar os vertidos da depuradora e trasladala a outra localización; reparar os accesos á aldea, as vías de concentración parcelaria, e as pistas danadas coa construción da propia depuradora; e construír unha traída de auga con capacidade suficiente para que chegue a tódolos fogares.

Información sobre o plan de bacheo e o obradoiro
Por outra banda, a voceira espera que o alcalde cumpra, “esta vez si”, o compromiso expresado no pleno de entregarlles unha lista das obras acometidas co plan de bacheo de estradas municipais anunciado por Varela o pasado ano, así como unha relación dos traballos realizados polo obradoiro de emprego I Ulla-Miño, que compartiron Antas, Portomarín, Palas de Rei e Taboada. O PSdeG quere coñecer con exactitude as actuacións executadas a través da ambas iniciativas “polos indicios de deixamento e irregularidades” que detectaron.

No hay comentarios:

Publicar un comentario