Torre de Amarante

domingo, 1 de agosto de 2010

A Xunta aprétase o cinto á hora de axudar os máis desfavorecidos


A crise económica global afecta a todos, pero non no mesmo grao. Isto é o que a Coordinadora Galega de ONGD quere recordar á Xunta, xa que este ano só aceptou 43 proxectos das 151 solicitudes presentadas por organismos que optaban a recibir axudas para actividades de coperación internacional. “Este balance reflicte que a situación económica está creando moitas necesidades nos países pobres, unha realidade que non foi valorada pola Xunta”, critica o presidente da coordinadora, Xosé María Torres Bouzas.
A pesar de que a principios de ano, houbo unha implicación masiva da poboación e das institucións para axudar a Haití tras o terremoto, pouco dese espírito continuou no Goberno galego. En 2010, o Executivo de Alberto Nuñez Feijóo só dedicou o 0,09% dos seus orzamentos a axudas para o desenvolvemento, unha porcentaxe moi inferior á doutros aos a pesar de que Galicia –segundo indicadores de paro, evolución do PIB, etc– non é das comunidades máis afectadas pola crise.
Do II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013, que prevé a repartición de entre 17 e 22 millóns de euros anuais antes de finalizar 2013, este ano só se investiron 9,7 millóns, o que supón unha triste marca en solidariedade. Comparado con hai dous anos, cando o Goberno do bipartito entre PSOE e BNG destinou 12,8 millóns para estes fins, o Executivo de Feijóo é o Goberno galego que menos destinou á cooperación.
Outra das críticas que fan desde a coordinadora é a criba que sufriron os proxectos presentados: 42 dos 43 plans son para Latinoamérica. Só un foi destinado a África, en concreto a Mozambique, e ningún a Asia. Ao comprobar a lista dos rexeitados evidénciase que este resultado non foi por falta de oferta, xa que entre os denegados hai máis de 20 programas dedicados a países africanos –a maioría centrados nos campos de refuxiados saharauís en Alxeria, a sanidade en Mozambique ou Guinea Bissau, ou frear a sida en Etiopía– e, polo menos, tres de apoio a India.

EXEMPLO CADUCO
A Fundación Axencia Humanitaria de Galicia –que Feijóo extinguiu hai un par de meses– dedicou medio millón de euros a proxectos para atender catástrofes como o terremoto de Haití, o furacán Ida no Salvador ou os desprazados forzados en Colombia. Un esforzo que dificilmente se repetirá tras os recortes.



No hay comentarios:

Publicar un comentario